"O curro dos lobos" de Barjacoba e "o cortello dos lobos" de Lubián son dúas trampas para lobos similares que veñen atraendo a atención de cidadáns de toda Europa desde que se deron a coñecer polos medios de comunicación. Trátase en ambos casos dun muro cilíndrico duns tres metros de altura, lixeiramente inclinado cara ao interior, de corenta metros de diámetro. O muro está construído en mampostería sen argamasa, con pedras transportadas e colocadas polos propios pastores que fundaron estas aldeas hai varios séculos. En 2008 foi incluido no Plan de Patrimonio Etnolóxico rexional, e foi proposto varias veces para ser declarado Ben de Interese Cultural.
(Fotografía: Marina Carracedo)
Parte de Barjacoba por un camiño tradicional que aínda conserva o lastrado para facilitar o tránsito dos carros "chillóns" que transportaban herba, palla ou leña. Aínda se poden ver as marcas que deixaron estes carros no camiño. Preto da aldea atópase a Fonte do Pozaco, un fermoso exemplo de arquitectura auxiliar, que serve de bebedoiro ao gando.
Máis adiante, na chamada Petada Grande, aparece á esquerda a paisaxe do val cos cultivos e prados máis baixos, as manchas de carballo das ladeiras e os pastos no cume da serra. Cun pouco de atención pódese observar un antigo muíño ao lado do regato e a Cruz da Marta, nos penedos máis altos. Barjacoba está rodeada de cruces, que protexen aos veciños das treboadas e tamén serven como referencia para orientarse no monte. Ao coroar a costa chégase ao Curro, situado nunha encrucillada de camiños.
A lonxitude do roteiro é de 900 metros, 30 minutos, e a pendente é moderada. Hai paneis informativos ao longo de todo o percorrido.
O curro dos lobos utilizouse por última vez hai uns 30 anos, despois reducíronse considerablemente os lobos, á vez que a emigración diminuíu tamén a poboación das aldeas sanabresas.
Create a free website at Webs.com